miércoles, diciembre 30, 2009

Épica remontada

Tirando de casta, o Santiso foi capaz de darlle a volta ó marcador no último partido de liga disputado neste 2009. Esta é a crónica dun partido que ademáis marcaba o inicio da segunda volta do campionato.
O equipo visitaba o campo do Callobre con case todos os seus xogadores e con unhas ganas tremendas de revancha tras a derrota sufrida no encontro de ida na estrea do "Novo Zahorra". O míster Sandá sacaba ó terreo de xogo un equipo formado por: Charli na portería; Tono, Dani, José e Moncho na liña defensiva; Javi, Alfonso, Agus, Monchito e Alex no medio; e Alberto na dianteira. Unha forte aposta polo centro do campo que sen embargo non comezou funcionando, amosándose así o equipo visitante un pouco incómodo nos primeiros compases. Pese a iso non había un claro dominador, nin tampouco ocasións manifestas de gol.
A racha de infortunios empezaría cunha xogada embarullada que o equipo local aproveitou e transformou no primeiro gol do partido. A partires de aí, o equipo centrouse máis nas protestas por un posible fora de xogo no gol, que en seguir xogando. Por mor disto, pouco tardaría o noso gardamallas Charli en ser expulsado.
Situación: minuto 20 da primeira metade, con 10 xogadores sobre a area e perdendo 1-0.
Este suceso obligaba ó adestrador a mudar a táctica inicial e colocor a Dani na portería retrasando así a Agus ó centro da defensa.
Lonxe de amedrentarse, o Santiso pasou a levar a batuta no xogo e a dispor de varias ocasións para empatar no que restou de primeira metade.
Vendo isto, o equipo verdiamarelo saía a disputar a segunda metade tras o descanso co convencemento de que o gol chegaría. Certamente, as ocasións foron chegando pero como de costume, non se materializaban. O que si se materializaba era o desgaste físico que os xogadores estaban a sufrir por estar un menos. Así, Agus foi sustituído por Micho ó pouco de iniciar a segunda metade.
Nada máis entrar Micho no campo, un xogador local inventábase un gol ó tirar de volea dende case o centro do campo e batir a Dani que nada puido facer.
Situación: minuto 10 da segunda metade, 10 xogadores e un marcador de 2-0 en contra.
Ó igual que ocorrera co primeiro gol, o equipo non se veu abaixo e seguiu sendo o dominador do encontro, arrinconando ó Callobre no seu campo. Pola outra banda, o míster comezou a facer das súas, sacando do terreo homes da defensa (José e Tono) e metendo xogadores de ataque (Manolo e Jose). Unha táctica que traería resultados...
O refrán: "tanto vai o cántaro á fonte, que o cántaro rómpese" poderiamolo traducir como: tanto asediaba o Santiso ó Callobre, que os goles chegaron. O primeiro deles obra de Jose que culminaba cun bon tiro unha traballada xogada. O segundo unha "delicatesen" de Alfonso nun tiro de falta dende fora da área que se dirixiu á escadra local coma un mísil. E por último o terceiro, de novo Alfonso con outro fermoso tiro que batía por riba ó porteiro da casa.
Situación: final do partido, resultado de 2-3 e éxtase total entre a parroquia verdiamarela.
Por cousas coma estas é polo que un ama o fútbol...

jueves, diciembre 17, 2009

Derrota pola mínima

Un Santiso con varias baixas presentouse en Bandeira disposto a demostrar que o 6-1 contra o Berres non fora un espellismo. Sen embargo, inda que o equipo realizou un partido meritorio non coseguiu traer ningún punto para á casa.
Partido típico de empate a 0, sen moitas ocasións, ó descanso chegouse con este resultado con un remate a bocaxarro parado polo porteiro local a tiro de Micho como única ocasión salientable. No descanso, escoitouse no vestiario que o primeiro que marcase conseguiría levarse a victoria; desgraciadamente, así foi. Un pase en longo dende o medio do campo que non consegue despexar Dani de cabeza, posibilita que o dianteiro local reciba só o balón e que con unha vaselina bata a Charly.
O Santiso buscou o empate, e o gol puido chegar de novo con un remate de cabeza de Micho. Según remataba o tempo reglamentario, o equipo xogou primeiro con defensa de 3 e nos últimos minutos con unha defensa tan só de 2 xogadores; con esta situación o Bandeira puido sentenciar pero non houbo máis goles para ningún dos bandos.
O equipo formou con Charly na porta, Javi, Dani, José e Moncho en defensa, Micho, Monchito, Manuel e Alex no centro do campo e Michel e Jose do Padrón en ataque, na segunda parte xogaron Alberto Cordido e Manolo que volveu así ó equipo tras a súa lesión de xeonllo.
Remata deste xeito a primeira volta da competición co Santiso colocado na 7ª plaza con 14 puntos, esperemos que a segunda volta sexa máis propicia e se consigan moitos máis puntos. A primeira ocasión este domingo contra o Callobre a domicilio, un equipo que se atopa por debaixo na clasificación pero que xa sorprendeu o Santiso na primera xornada de liga, agardemos poder devolverlle o 0 a 1 daquel día. Un saúdo e forza Santiso!

jueves, diciembre 10, 2009

Xogo, Set e Partido para a U.D. Santiso

Fin de semana de Copa Davis no que o Santiso quixo facerlle un guiño a Armada ganandolle un set ó Berres. Espectacular partido o xogado polo equipo que dominou de principio a fin.
Sumar á moi boa aportación de Agus, a formación de tan grande xesta e os goleadores, porque creo que paga a pena recordalos, todos uns golazos.
O primeiro marcabao Michel con un remate dende fóra da área forte e pegadiño ó poste que non pode atallar o porteiro visitante. O segundo foi obra de Alfonso cun remate de falta dende tres cuartas partes do campo que tras golpear no poste entraba como un "obus" na porta do Berres.
Tras o gol en propia porta de Monchito (hai que recordar que leva 3 tiros ó longueiro na porta contraria e que por tanto, non está a ter moita sorte esta tempada pero o equipo sabe que nos deleitará con novos goles na porta contraria), chegou o Gol, Michel pregúntalle ó arbitro, “¿podo tirar directamente á portería dende o centro?”, o asentimento do colexiado fixo que Michel non o dubidase e anotase o 3 a 1 cando o Berres estaba a celebrar todavía o 2 a 1. Magoa que este gol non fose grabado por ningún aficionado pois seguro lle quitaba o premio de mellor gol da FIFA a Cristiano ou Messi.
O cuarto chegou antes do descanso e foi de novo dende fóra da área, Sergio enganchou un remate cruzado imparable para o porteiro visitante.
Co inicio da segunda metade e o aire en contra, parecía que o Berres podía meterse de novo no partido, nada máis lonxe da realidade, despois dun magnifico pase ó oco de Monchito, Álex cunha espectacular vaselina conseguía o quinto.
O sexto non se fixo agardar e chegou de novo por parte de Álex que recibiu o pase da morte de Manuel tras unha boa xogada colectiva do Santiso.
A formación da UD foi a seguinte, Charly na portería, Tono, Dani, José e Moncho en defensa, Sergio, Alfonso, Monchito e Álex no medio, con Michel e Manuel en punta. Na segunda parte xogaron Álvaro, Javi Ministro e José do Padrón.
Agardemos que sexa a primeira de moitas; un saúdo e forza Santiso!!

miércoles, diciembre 09, 2009

Golpe de autoridade.

O Santiso deu a sorpresa a pasada xornada ligueira tras vencer por 6-1 ó terceiro clasificado, o Berres. Con este resultado, o equipo amósase como un rival a ter en conta, capaz de gañarlle a calquera.
Quen lles ía dicir ós do Berres que ían levar enriba semellante paliza, nin sequera foron capaces de meter o gol da honra... tivo que ser Monchito en propia porta quen lles fixera o traballo.
O partido foi disputado o sábado por petición do equipo visitante, e malia o cambio, a afección local non deixou só ó Santiso e éste non a defraudou. Agradeceu o apoio cunha tarde chea de fútbol e de goles.
Pouco a pouco o traballo, a disciplina (e como non, o novo campo) van dando os seus froitos e o equipo está a ser máis forte cada vez. Esperemos seguir medrando! Arriba Santiso!
Dani, Tono... animádevos a completar a entrada!

jueves, diciembre 03, 2009

Sabor agridoce...

Novo domingo de inverno o que tivo que sufrir o Santiso na súa visita a Vila de Cruces, o frío, vento e chuvía acompañaron todo o encontro, sen embargo, neste caso, a climatoloxía non tivo que ver no resultado final.
O Santiso forma con un equipo inicial novidoso xa que o adestrador aposta por xogar con cinco xogadores no centro do campo para gañar superioridade nesa zona debido ás grandes dimensións do terreo de xogo. A maniobra saiu case perfecta para o míster, o resultado final empate a 2, que sabe a pouco para o equipo.
O partido ponse de cara para a UD case que dende o inicio, Alberto Monchito culmina unha gran xogada colectiva do Santiso e pon o 0 a 1 no marcador. Ó descanso chégase con este resultado tras marrar o equipo local un penalti inexistente e tras un golpe sufrido por Tono nun choque fortuito que provocou a súa saída do terreo de xogo.
O equipo recomponse como pode e Manuel pasa a xogar de lateral dereito, labor compricada que saldou meritoriamente. Outro gol tempraneiro na segunda parte, ésta vez por parte de Alex, que como prometeu anotou contra o Cruces, permitiu poñer o 0 a 2. Nese intre, o Cruces boutese arriba na busca do empate e o Santiso puido matar o partido con dúas contras de Alberto Cordido e do propio Alex. O que perdoa acaba pagandoo, e desta vez tamén foi así; neste caso de forma cruel para o Santiso. Dúas faltas ó borde da área, a primeira delas inexistente, convertironse en gol tras golpear na barreira e sorprender ó porteiro visitante. Con todo, o Cruces puido conseguir un terceiro gol pero o remate a porta valeira foise fóra para alivio da parroquia do Santiso. Sería inxusto que o equipo perdese o partido. Finalmente empate e a sensación, como en Prevediños, de que se escaparon 2 puntos.
O Santiso formou con Dani na portería, Tono, Moncho, José e Javi na defensa, Sergio, Alberto Monchito, Agustín, Manuel e Alex no medio e Micho arriba. Tras o golpe de Tono, Alberto Cordido pasou a xogar no medio e Manuel no lateral como comentamos. Tamén xogaron na segunda parte Jose do Padrón, que volveu trala súa escordadura de nocello e Humberto.
Confirmar dende aquí que o golpe de Tono non foi a máis e este fin de semana estará a disposición do míster para volver a correr a banda como nos ten acostumados.
Para rematar comentar que o vindeiro partido xogarase ó próximo Sábado ás 4.30 da tarde contra o Berres, adiantase o partido tras petición do equipo visitante. O equipo agarda unha boa presencia de aficionados e a primeira victoria do mes de Decembro.
Un saúdo e forza Santiso!!